Culleredo Vivo

As Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable Integrado (EDUSI) son un grupo de actuacións financiadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cuxo obxectivo principal é mellorar a calidade de vida das cidades dunha forma integrada, incluíndo aspectos que van desde a cohesión social ata o fomento da economía baixa en carbono, a sustentabilidade ambiental e a optimización do uso dos recursos.

Culleredo Vivo é unha das 84 Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable elixidas en primeira convocatoria polo Ministerio de Facenda e Función Pública, entre 270 candidatas de todo o territorio nacional. Aprobouse un importe para a súa execución de 3.925.068,00 €, dos cales 3.140.054,40 € son financiados con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ( FEDER) e 785.013,60 € con cargo a fondos propios do Concello de Culleredo.

Obxectivos esenciais

O obxectivo esencial da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable Integrado (EDUSI) Culleredo Vivo é conseguir un alto nivel de penetración e uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), maximizar o uso dos recursos naturais e o respecto ambiental e mellorar o atractivo da cidade mediante a potenciación dos seus sinais de identidade.

Que valores ten a EDUSI Culleredo Vivo?

  • Propicia sinerxías, co apoio e a implicación dos actores locais.
  • Reforza o liderado da cidadanía, para que sexa partícipe da definición dun conxunto de actuacións que promovan o desenvolvemento económico, medioambiental, social e cultural do municipio.
  • Permite dispoñer dun obxectivo cara ao que avanzar, que se converterá nunha guía para calquera proxecto.
  • Crea unha visión de futuro compartida.

Desenvolvemento Urbano Sustentable

O desenvolvemento urbano sustentable fai referencia á mellora duradeira e a longo prazo das condicións sociais, económicas e ambientais dunha área urbana.

Cada vez é máis evidente que os distintos retos, económicos, ambientais, climáticos, demográficos e sociais, aos que se enfrontan as zonas urbanas están interrelacionados e o éxito do desenvolvemento urbano só pode lograrse a través dun enfoque integrado.