Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 POPE

A Estratexia Europa 2020 é a estratexia europea de crecemento para o período 2010-2020 que se concreta en tres prioridades:

  • Desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento e a innovación (crecemento intelixente).
  • Promoción dunha economía que faga un uso máis eficaz dos recursos, que sexa máis verde e competitiva (crecemento sustentable).
  • Fomento dunha economía con alto nivel de emprego que teña cohesión social e territorial (crecemento integrador).

Unha das principais ferramentas de investimento con que conta a Unión Europea para a implementación da Estratexia Europa 2020 é a política de cohesión que, á súa vez, ten como obxectivo fortalecer a cohesión económica, social e territorial dentro da Unión Europea a través da corrección dos desequilibrios entre as diferentes rexións. En consonancia coas prioridades e os obxectivos da Estratexia Europa 2020 e para maximizar o impacto da política de cohesión, a Unión Europea estableceu para esta once obxectivos temáticos, arredor dos cales se concentrarán os investimentos da Unión Europea que se realizarán a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo de Cohesión (FC). Os devanditos obxectivos temáticos trasladaranse ao contexto nacional de cada un dos Estados membros e concretaranse a través dos programas operativos. En España os investimentos da Política de Cohesión da Unión Europea que se canalizan a través do FSE e o FEDER concrétanse en programas operativos de carácter rexional e plurirrexional.

Un dos elementos clave da Política de Cohesión da Unión Europea para o período 2014-2020 é a dimensión urbana das rexións, que se pretende mellorar destinando unha cantidade elevada de recursos do FEDER que se deben investir en proxectos integrados, combinando diversas medidas para abordar os retos económicos, medioambientais e sociais dentro das áreas urbanas. Este mandato da Unión Europea vén recollido no Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020, que contén un eixe prioritario, o Eixe 12, dedicado na súa totalidade a financiar o desenvolvemento urbano intelixente, sustentable e integrador a través das Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sustentable e Integrado (EDUSI).

Descarga o documento do programa operativo POPE